Sunday 28 de April de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a décima campaña de recollida de alimentos polo Nadal


A iniciativa busca completar as achegas alimentarias que o Concello desenvolve ao longo do ano en colaboración co Banco de Alimentos e facilitarlle ás familias artigos propios do Nadal

O Concello de Brión pon en marcha por décimo ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados para as familias máis vulnerables do municipio.

Todas as persoas e entidades que desexen colaborar nesta nova edición poden achegar as súas doazóns, dende hoxe e ata o remate do Nadal, nos distintos centros municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) así como no supermercado Froiz de Montebalado. Búscanse alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados, especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene persoal. Así mesmo, dende os Servizos Sociais de Brión lembran que tamén son ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.

Tamén existe a posibilidade de entregar un donativos en metálico ben na Tesourería Municipal do Concello de Brión ou ben a través dun ingreso na conta do Concello en Abanca de Montebalado. En ambos os dous casos, a persoa ou entidade doadora recibirá o correspondente xustificante de ingreso.

O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, amósase “totalmente convencido de que volveremos contar cunha excepcional colaboración veciñal” e explica que que “a campaña lévase a cabo en torno ao Nadal para así poder completar as entregas que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano, en colaboración co Banco de Alimentos. Deste xeito, buscamos achegarlle ás familias que o precisen aqueles artigos dos que habitualmente non se dispón”.